Estrea de disco MIP (2019)

O PAZO DA ÓPERA ACOLLEU O XOVES A ESTREA DE 'DIVERSOS FUNCIONAIS', TRABALLO NO QUE PARTICIPA A BANDA MUNICIPAL DE MÚSICA A TRAVÉS DA CONVOCATORIA CULTURA ACCESIBLE E INCLUSIVA

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, acompañado da edil de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, e o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, asistiu esta mañá ao ensaio xeral do concerto que a Banda Municipal de Música da Coruña ofrecerá este xoves, 2 de maio, no Pazo da Ópera. A actuación suporá a estrea e presentación ao público do disco Diversos funcionais, un traballo que nace froito do proxecto Músicas inclusivas e participativas que a Asociación Cultural Tres por Cuatro está a desenvolver no marco da III convocatoria Cultura Accesible e Inclusiva. Este programa, impulsado polo Concello da Coruña a través da Fundación Emalcsa, promove a posta en marcha de iniciativas que faciliten a inclusión de persoas con diversidade na vida cultural e sexan protagonistas da mesma.

Durante o ensaio, que serviu para presentar o disco ante os medios de comunicación, Xulio Ferreiro salientou esta iniciativa, “que usa a música como vehículo de inclusión”. O primeiro edil salientou que “este proxecto representa claramente o proxecto de cidade no que estamos a traballar dende o goberno da Coruña: unha cidade máis próxima, activa, inclusiva e plural, que ten presentes a todas as voces e a todas as potencialidades”. Por outro lado, salientou o valor da inclusión a través da música. “Temos sorte, neste sentido, de ser unha cidade que é a casa da Sinfónica de Galicia, que conta cunha Banda Municipal do nivel de esta, de contar con ducias de corais de arraigo e de ser o escenario do Festival Noroeste. Con este proxecto, de novo, A Coruña vai amosar o seu potencial artístico e creativo”, engadiu.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.