Mulleres na música galega
A “Asociación Cultural Tres por Cuatro” representada por José Francisco Saavedra, acaba de dedicar dentro do ciclo de conferencias “ As mulleres na música galega” un espazo á figura da coruñesa Milagros Porta Siso, unha muller que creou o seu propio espazo nun tempo e un ambiente en que a música era cuestión de homes.
Sinalada pola prensa da súa época como “a primeira directora de orquestra de España”,
bolseira pola “Fundación Juan March” para estudar acústica e rítmica en Europa, profesora no Real Conservatorio de Música de Madrid… suma méritos para obter aos 34 anos a “Cruz da Orde de Alfonso X o Sabio”.
O tenor Antón de Santiago lembrou aquí a súa experiencia persoal sobre a posta en escena da zarzuela A Represa e ou Río con libreto de “ Nito” musicado pola homenaxeada e a súa propia filla Ana María Navarrete Porta, amplamente coñecida polas súas edicións de literatura didáctica musical, expresou o emotivo recordo á nai, á muller e á artista que defendeu sen concesións a súa vocación musical.
O grupo “EntrElas” dirixido por Ileana Delgado Fuentes, achegou a música viva no encontro, interpretando obras da autora soando os lieder do “Tríptico” con voces solistas acompañadas polo pianista Maurizio Polsinelli en linguaxe delicada, íntima, sensible, elaborada melódica e armónicamente e xa a coro “a capella” outros temas como “Padrón” ou “Ven o día”, de extremada beleza. O ciclo continuará rescatando nomes de mulleres galegas que dedicaron a súa vida á música, o que me leva a reivindicar ás figuras das nosas terras ferrolterranas, como moi ben podería ser a de Pilar Osorio, de cegadora traxectoria, hoxe sumida no absoluto descoñecemento e esquecemento. Valga como suxerencia a “Tres por Catro” e á súa loable iniciativa de poñer en valor á muller na arte musical.