No 2025 o proxecto continuou arredor dos Mantras das emocións, incorporando tamén novos contidos como os mantras baseados nos Acordos Toltecas. A partir do mes de abril desenvolvéronse numerosos obradoiros MIP en diferentes centros, nos que Robert Pier traballou cos artistas con diversidade funcional a través do canto, a interacción e o uso de instrumentos, fomentando a participación activa e a coordinación.
Nesta edición colaborouse con entidades como Fundación ADCOR, Aspronaga, ADACECO, Fundación ONCE, CAPD, APEM e centros educativos como CEIP Torre de Hércules, CEIP Zalaeta e CEIP Cidade Vella, levando os obradoiros a espazos como centros cívicos, centros de día e outros espazos da cidade.
Durante o mes de xuño realizáronse tamén sesións especiais, como o taller nos Cantóns coa Fundación ONCE, consolidando o carácter inclusivo e participativo do proxecto.
Como fito destacado do ano, o 23 de setembro levouse a cabo un gran evento no Centro Ágora, coa participación dos artistas con diversidade funcional das entidades colaboradoras, a Banda Municipal da Coruña e integrantes do coro Ludus Tonalis, do grupo vocal Entrelas e do coro Raiola, presentando ademais novos mantras nun espectáculo centrado na inclusión, a espiritualidade e a dignificación do ser humano.
Memoria